A adquisición da competencia en lingua estándar polos falantes vernáculos do galego. Reflexións e propostas para a docencia
Resumo
Os modelos de planificación lingüística clásicos distinguen a selección e codificación dunha variedade estándar como pasos previos á súa implementación na sociedade e a subseguinte elaboración ou desenvolvemento funcional (Haugen 1983: 275). O éxito das accións políticas que perseguen a normalización dunha lingua minorada depende da implicación da súa comunidade de falantes –reais e potenciais– nestes procesos. No presente documento, analizaremos como os principios ideolóxicos detrás da planificación da lingua galega se relacionan con aqueles que subxacen ás tensións entre os diferentes modelos de lingua. Atenderemos especialmente á relación entre os falantes tradicionais e o galego normativo, con frecuencia afectada pola ideoloxía do estándar e o purismo. Séndomos conscientes de que o coñecemento e uso do galego estándar é unha das chaves que determinará o futuro da nosa lingua, destacaremos o papel dos medios de comunicación e do sistema educativo como axentes encargados da difusión desta nova variedade desde a súa recente configuración. Propoñeremos, en último termo, unhas liñas xerais para a aplicación do enfoque da consciencia crítica (Siegel 2006) no labor docente, baixo a convicción de que introducir esta perspectiva nas aulas permitirá ao alumnado desenvolver a súa competencia en galego estándar por medio da exploración crítica das ideoloxías sobre linguas e modelos de lingua presentes na nosa sociedade e a posta en relación dos seus coñecementos sobre a súa variedade ou lingua habitual e a norma do galego. Daremos por acadado o obxectivo do noso traballo se conseguimos poñer sobre a mesa a necesidade de recoñecer a urxencia de que os diversos perfís de usuarios nos recoñezamos entre nós e nos decidamos a construír pontes sobre as que camiñar xuntos, como unha comunidade máis forte, cara á normalización da nosa lingua.
Downloads
##submission.format##
Licença
A revista Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, para fomentar o intercambio global do coñecemento, facilita o acceso sen restricións aos seus contidos desde o momento da súa publicación na presente edición electrónica, e por iso é unha revista de acceso aberto. Os orixinais publicados nesta revista son propiedade da Universidad Complutense de Madrid e é obrigatorio citar a súa procedencia en calquera reprodución total ou parcial. Todos os contidos distribúense baixo unha licencia de uso e distribución Creative Commons Recoñecemento 4.0 (CC BY 4.0). Esta circunstancia debe facerse constar expresamente desta forma cando sexa necesario. Pode consultar a versión informativa e o texto legal da licencia.
A revista Madrygal. Revista de Estudios Gallegos non cobra taxas por envío de traballos, nin tampouco cuotas pola publicación dos seus artigos.




