Estatuto da revista

 

Preâmbulo

Madrygal. Revista de Estudios Gallegos (ISSN: 1138-9664 / ISSN-e: 1988-3285) é unha publicación periódica de carácter científico promovida e editada polo Centro de Estudos Galegos da Facultade de Filoloxía da UCM, e financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Consonte o seu perfil científico e área de coñecemento (Humanidades), Madrygal admite artigos relacionados con todas as disciplinas humanísticas (filoloxía, lingua, literatura, historia, filosofía, xeografía, socioloxía, arte, antropoloxía, comunicación, documentación, humanidades dixitais etc.), de corte teórico, metodolóxico ou comparativo, desde que estean enfocados ou teñan interese no campo de estudos galegos. En todos os casos, os artigos considerados para a súa publicación na revista deben contribuír e fomentar a análise crítica, o debate, o intercambio científico e e a difusión da investigación humanística relacionada cos estudos galegos. Todos os artigos deben ser orixinais e non poden ser publicados anteriormente noutro formato ou outro idioma, nin deben estar postulados ou aceptados para a súa publicación noutra revista, monografía ou soporte dixital. Madrygal componse de varias seccións con contido académico-científico (Artigos, Notas, Crónica, Entrevista e Recensións), arbitrados por unha comisión de avaliación interna e externa. Por outra parte, de acordo co espírito de difusión cultural co que naceu a revista (fundada en 1998) e en cumprimento cos compromisos adquiridos pola entidade que a financia, Madrygal tamén conta cunha breve sección de creación e tradución (Lírica, Narrativa, Teatro e Tradución). As linguas admitidas para a publicación de artigos son fundamentalmente o galego e o castelán, aínda que tamén se poderá admitir algún traballo en portugués e inglés.

1. Órganos de xestión

Os órganos de xestión encargados da coordinación científica e a edición da revista serán o Consello de Redacción e o Consello Científico. Todas as persoas integrantes destes Consellos comprométense a respectar os principios do Código Ético estabelecido para as revistas científicas da Universidade Complutense de Madrid.

1.1. Consello de Redacción: estrutura e composición

-         O Consello de Redacción está composto polo Director/a, o Secretario/a ou Secretarios/as e os/as Vogais (arredor de 10). O posto de Director/a está ocupado por un profesor/a en activo con relación contractual coa UCM. Polo menos un terzo dos seus compoñentes pertence a institucións diferentes da Universidade Complutense de Madrid. As principais áreas de coñecemento nas que se especializa a revista están convenientemente representadas no Consello de Redacción: filoloxía, lingua e literatura (20%), historia e xeografía (20%), documentación e comunicación (20%), filosofía, socioloxía e antropoloxía (20%), disciplinas artísticas (20%).

-         O Consello de Redacción asistirá o Director/a en todas as súas funcións e, moi especialmente, no seguimento dos traballos (recepción, avaliación, aceptación) e na definición dos contidos e o estilo da revista (redacción de normas de presentación de orixinais, creación e orientación das seccións etc.).

-         Os membros serán elixidos polo Centro de Estudos Galegos da Facultade de Filoloxía da UCM; o resultado da dita elección será comunicado ao Decanato da Facultade. Procederase en tres votacións (sistema de maioría simple) sobre os candidatos propostos para cada un dos cargos: unha para elección do Director/a, outra para a elección dos/as Vogais da institución e outra para a elección dos/as Vogais externos/as. O posto de Secretario/a ou Secretarios/as será de designación directa por parte do Director/a.

-         Todos os membros serán elixidos para un período de 5 anos, ao final do cal os cargos de Director/a e Secretario/a poderán ser renovados unha vez por un segundo período. En todo caso, a renovación da Dirección de Madrygal farase de acordo coa renovación do cargo da Dirección do Centro de Estudos Galegos, xa que o/a director/a da revista debe ser o director/a do Centro de Estudos Galegos.

1.1.1. Funcións da Dirección

-         Encargarase da coordinación e representación da revista, das relacións co Consello de Redacción, co Consello Científico e con Ediciones Complutense. Así mesmo, encargarase das relacións con outras institucións para calquera cuestión relacionada coa revista.

-         Elixirá e/ou renovará o Secretario/a ou Secretarios/as.

-         Convocará as reunións do Consello de Redacción.

-         Informará os membros dos Consellos sobre o funcionamento da revista, así como das súas necesidades. A dita información tamén se dirixirá ao Decanato da Facultade.

-         Será responsábel de velar polo mantemento da máxima calidade científica da revista, así como do seu recoñecemento e inclusión en bases de datos nacionais e internacionais e da súa avaliación para a consecución de selos de calidade, para o cal contará coa axuda do resto de membros do Consello de Redacción.

-         Terá un voto de calidade en caso de empate nas deliberacións do Consello de Redacción.

-         Non evalúa os artigos recibidos.

1.1.2. Funcións da Secretaría

-         Encargarase da recepción dos orixinais e da súa xestión ao longo do proceso de avaliación e publicación.

-         Será responsábel da comunicación cos autores/as, cos membros do Consello de Redacción, do Consello Científico e con Ediciones Complutense.

-         Acusará recibo aos autores/as de todos os traballos recibidos.

-         Organizará o proceso de revisión dos orixinais recibidos por parte do Consello de Redacción para que se decida que traballos se someten a avaliación e cales son devoltos, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos da revista.

-         Encargarase de remitir aos avaliadores/as os orixinais xunto cun documento de instrucións e un formulario de avaliación.

-         Encargarase da comunicación motivada da decisión aos autores/as, unha vez tomada a decisión de publicación sobre os orixinais.

-         Encargarase do seguimento do proceso editorial completo dos números da revista (preparación e entrega de orixinais –incluídas as primeiras páxinas e as estatísticas–, proceso de maquetación, envío de probas aos autores, revisión da versión previa á imprenta, comunicación aos autores/as da publicación).

-         Preparará as reunións coa Dirección e levantará acta das reunións do Consello de Redacción. Así mesmo, será o responsábel da custodia das actas e certificará o labor efectuado polos/as Vogais, os asesores/as científicos/as e os avaliadores/as.

-         Colaborará co Director/a na difusión da revista, nas relacións institucionais, intercambios, indexación e calquera outra tarefa que redunde na mellora da calidade e o recoñecemento da revista.

1.1.3. Funcións dos/as Vogais do Consello de Redacción

-         Terán a obriga de asistir ás reunións que se convoquen. No caso de membros doutras provincias, ou outros países, poderase delegar a súa participación noutros membros ou efectuar, sempre que for posíbel, a comunicación por vía de videoconferencia ou similar.

-         Poderán colaborar, baixo a coordinación do Secretario/a, na lectura previa de orixinais para tomar a decisión de cales son sometidos a avaliación e cales son devoltos aos autores.

-         Poderán colaborar na procura de avaliadores externos para os traballos e non serán avaliadores en ningún caso.

-         Asesorarán e colaborarán coa dirección da revista en calquera tarefa que se considere necesaria para o correcto funcionamento da revista, entre elas, velar polo cumprimento da puntualidade e periodicidade.

1.2. Consello Científico

-         O Consello Científico está integrado por profesionais e investigadores de recoñecido prestixio e solvencia, sen vinculación institucional coa revista. Debe servir, ademais de para imprimir rigor á revista, para marcar a política editorial, facer atractiva a revista tanto para os autores como para os lectores e difundila, na medida das súas posibilidades, en todos os foros. Así mesmo, colaborará nos procesos de avaliación e auditoría.

-         O Consello Científico deberá contar entre os seus membros con profesionais e investigadores de institucións estranxeiras.

-         O proceso de elección dos seus membros será o seguinte: as propostas de novos membros serán presentadas e votadas en reunión xeral do Consello de Redacción polos seus integrantes. A votación, de carácter simple, terá lugar cada 5 años. O resultado da dita elección será comunicado ao Decanato da Facultade.

-         Os membros do Consello Científico poderán participar nos procesos de avaliación de orixinais como pares externos, tendo en conta que polo menos unha das avaliacións sempre será emitida por un avaliador alleo ao Consello Científico.

2. Características e funcionamento

2.1. Periodicidade

-         A revista publicarase cunha periodicidade de 1 número anual.

-         Con carácter extraordinario, a revista poderá propor a Ediciones Complutense a publicación dalgún número especial enfocado nalgunha temática en concreto ou a modo de escolma de artigos procedentes dunha determinada reunión científica (congreso, seminario, coloquio etc.). En calquera caso, os números especiais seguirán o mesmo proceso de corrección, avaliación e publicación que os números regulares.

2.2. Estrutura

-         A revista constará das seguintes (sub)seccións:

-         Sección académico-científica (mín. 75%):

  • Artigos: artigos de investigación orixinais de gran extensión (mín. 15-20 pp.) relacionados coas distintas disciplinas humanísticas e que sexan de interese para o ámbito dos estudos galegos. Dependendo da extensión dos artigos, aceptarase un mínimo de 12 colaboracións e un máximo de 20 por número.
  • Notas: artigos de investigación de extensión breve (máx. 10-15 pp.) relacionados coas distintas disciplinas humanísticas e que sexan de interese para o ámbito galego. Estes artigos, tanto na súa forma, como no seu contido, poden ser de carácter máis divulgativo, aínda que procedan igualmente dun labor académico-científico de investigación. Dependendo da extensión da subsección Artigos, aceptaranse un máximo de 3 colaboracións por número.
  • Crónica: artigos de extensión breve (máx. 10 pp.), de carácter documental e testemuñal, nos que se presentan e describen diferentes aspectos académico-científicos relacionados coa lingua, literatura e cultura galegas. Admitiranse até un máximo de 2 crónicas por número.
  • Entrevista: colaboración de extensión breve (máx. 10 pp.), de carácter documental e testemuñal, na que se recolle información de carácter bio-bibliográfico sobre unha personalidade (literato, académico ou estudioso) relevante para a lingua, literatura e cultura galegas, alternando un ano autores/as estabelecidos en Galicia e outro ano autores/as estabelecidos en Madrid. Só se admitirá unha colaboración por número.
  • Recensións: colaboracións de extensión breve (máx. 5 pp.) nas que se analiza criticamente unha selección de obras (ensaios académico-científicos ou obras literarias) de referencia para a lingua galega. Admitiranse un mínimo de 10 e un máximo de 20 recensións por número.

-         Sección de creación e tradución (máx. 25%):

  • Lírica: colaboración de extensión breve (máx. 3 pp.) de carácter poético por parte dun autor/a –consagrado ou novel- con produción literaria en lingua galega. Admitirase até un máximo de 2 ou 3 colaboracións por número.
  • Narrativa: colaboración de extensión breve (máx. 3-5 pp.) de carácter narrativo por parte dun autor/a –consagrado ou novel- con produción literaria en lingua galega. Admitirase até un máximo de 2 ou 3 colaboracións por número.
  • Teatro: colaboración de extensión breve (máx. 3-5 pp.) de carácter dramático ou escénico por parte dun autor/a –consagrado ou novel- con produción literaria en lingua galega. Admitirase até un máximo de 1 colaboración por número.
  • Tradución: colaboración de extensión breve (máx. 3-5 pp.) na que se ofrece unha tradución á lingua galega dun determinado fragmento literario (poético, narrativo ou teatral), acompañado dunha breve información de carácter bio-bibliográfico sobre o autor/a traducido en cuestión. Admitirase até un máximo de 1 colaboración por número.

2.3. Normas de publicación

-         Axúntase como anexo o documento de normas de publicación que contén información sobre: presentación de manuscritos, proceso editorial (revisión, avaliación e publicación de manuscritos), notas e referencias bibliográficas etc.