Mulleres, guerras e memorias subalternas de Filipinas a Galicia: Os (des)afectos en Merlinda Bobis e Simón Casal
Resumo
Este artigo compara dúas creacións culturais, “Fish-hair woman” (i.e. Muller pelo-peixe) (1999) –un relato da filipino-australiana Merlinda Bobis– e Lobos sucios (2015) –unha película do galego Simón Casal, ámbalas dúas inspiradas en feitos reais. O meu obxectivo principal é analizar a representación das mulleres en tempos de guerra, xa que raramente pasan á historia; así pois, considero meus obxectos de estudo como memorias subalternas (ex. Traverso 2007) que poden intervir no discurso histórico. A miña perspectiva crítica é interdisciplinar, incluíndo estudos sobre violencia de xénero (ex. Sanford, Stefatos e Salvi 2016), memoria histórica (ex. Yusta 2018), teoría dos afectos (ex. Ahmed 2004) e feminismo (ex. Garcia 2018). A pesar da distancia xeográfica entre os escenarios de Lobos sucios e “Fish-hair woman”, as protagonistas mostran que as mulleres rurais teñen talento e capacidade de liderado suficientes para levar a cabo accións decisivas nos ámbitos público e privado. Moitos temas desenvolvidos en ambas as obras coinciden: a violencia contra as mulleres multiplícase durante as loitas armadas (ex. abuso sexual, tortura), mentres elas se arranxan para sobrevivir e mesmo rebelarse; a natureza, particularmente o río, ofrece asistencia ás vítimas das contendas; o coidado e o sobrenatural vencéllanse á muller rural máis aló dos parámetros patriarcais; finalmente, o amor intersubxectivo, especialmente entre persoas de culturas diferentes (i.e. unha filipina e un australiano, unha galega e un belga), revélase como unha forza poderosa para combater o horror da guerra. Bobis e Casal fan un uso sofisticado dos recursos formais (ex. realismo máxico, simbolismo) que convidan o público a inserirnos na atmosfera das súas tramas e reflexionar sobre elas. Ademais de denunciar a violencia de xénero nos conflitos armados, Bobis e Casal mostran que as vidas das mulleres rurais –a súa coraxe, resiliencia e solidariedade– están lonxe do estereotipo patriarcal, merecendo ser revisadas en profundidade.
Downloads
##submission.format##
Licença
A revista Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, para fomentar o intercambio global do coñecemento, facilita o acceso sen restricións aos seus contidos desde o momento da súa publicación na presente edición electrónica, e por iso é unha revista de acceso aberto. Os orixinais publicados nesta revista son propiedade da Universidad Complutense de Madrid e é obrigatorio citar a súa procedencia en calquera reprodución total ou parcial. Todos os contidos distribúense baixo unha licencia de uso e distribución Creative Commons Recoñecemento 4.0 (CC BY 4.0). Esta circunstancia debe facerse constar expresamente desta forma cando sexa necesario. Pode consultar a versión informativa e o texto legal da licencia.
A revista Madrygal. Revista de Estudios Gallegos non cobra taxas por envío de traballos, nin tampouco cuotas pola publicación dos seus artigos.