Submissões

Acesso ou Registar-se para submeter um artigo.

Condições para Submissão

Como parte do processo de submissão, os autores são obrigados a verificar a conformidade da submissão em relação a todos os itens listados a seguir. As submissões que não estiverem de acordo com as normas serão devolvidas aos autores.
  • O artigo non ten sido publicado previamente, nin se ten presentado a outra revista (ou se forneceu unha explicación en Comentarios ao editor)
  • O ficheiro enviado está en formato OpenOffice, Microsoft Word, RTF, ou WordPerfect.
  • Engadíronse, sempre que foi posíbel, os enderezos web para as referencias onde.
  • Engadíronse, caso de existiren, as referencias DOI
  • O texto cumpre cos requisitos bibliográficos e de estilo indicados nas Normas para autoras/es, que se poden encontrar en Acerca da revista.
  • Se o traballo se envía a unha sección da revista que se revisa por pares, debe asegurase que se cumpren as instrucións de revisión a cegas.

Instruções para Autores

A revista Madrygal, fundada no ano 1998, realízase no Centro de Estudos Galegos da Facultade de Filoloxía e edítase no Servizo de Publicacións da Universidade Complutense de Madrid grazas á subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Madrygal ten unha periodicidade anual e acepta traballos redixidos fundamentalmente en galego ou español, aínda que tamén admite traballos en portugués e inglés. As súas seccións son Artigos, Notas, Crónica, Entrevista, Creación (Lírica, Narrativa e Teatro), Tradución e Recensións. Todas as colaboracións enviadas á redacción da revista Madrygal cumprirán as seguintes normas de publicación:

1. Os artigos serán orixinais e estarán referidos a calquera disciplina humanística relativa ao ámbito galego (filoloxía, lingua, literatura, historia, filosofía, xeografía, socioloxía, arte, antropoloxía, comunicación, documentación, humanidades dixitais etc.).

2. Os artigos terán unha extensión mínima de 20 páxinas, incluíndo notas, tabelas, figuras e bibliografía. O corpo principal do artigo deberá ir en letra Times New Roman, tamaño 12 e entreliñado sinxelo (1 pto.). As notas irán a rodapé (non ao final do documento) con tamaño Times 10 e entreliñado sinxelo. O texto debe estar organizado en epígrafes, cun máximo de tres niveis de xerarquía e numerados de forma correlativa (1., 1.1., 1.1.1., 2.1., 2.1.1. etc). Os dous primeiros niveis (ex. 1. e 1.1.) deberán aparecer en letra grosa; o terceiro en itálico (e letra non grosa).

3. Todos os traballos presentados, con independencia da lingua en que foran redixidos, deberán incorporar na primeira páxina a seguinte información:

-        Título do artigo en galego, español e inglés. Debe ser, na medida do posíbel, breve (non máis de 100 caracteres), claro e descritivo do contido do traballo.

-        Nome do autor/a ou autores/as do traballo.

-        Filiación académica ou institucional. De ser dunha universidade, debe aparecer o nome oficial desta acompañado do nome oficial do departamento correspondente. Esta información debe darse en nota a rodapé tras o nome de cada autor.

-        Enderezo electrónico do autor/a ou autores/as. Sempre que for posíbel, o correo debe ser institucional (non persoal). Esta información debe incluírse na nota a rodapé anterior (filiación).

-        De ser o caso, información completa (título oficial, entidade financiadora, período, código) do proxecto de investigación ou grupo de investigación no que se enmarca o traballo. Esta información debe indicarse en nota a rodapé tras o título principal do artigo.

-        Resumo en galego, español (resumen) e inglés (abstract). O resumo terá unha extensión mínima de 150 palabras e máxima de 300. Debe ser claro e preciso, e terá en conta os obxectivos e conclusións fundamentais do traballo; nunca ofrecerá información que non se recolla no texto do artigo.

-        Palabras chave en galego, español (palabras clave) e inglés (keywords). Débese incorporar un mínimo de 4 e un máximo de 6 palabras chave para catalogar o artigo, ordenadas desde as máis xenéricas até as máis específicas. Na medida do posíbel, deben estar normalizadas[1].

-        Sumario (só na lingua principal) en que se inclúan todas as (sub)epígrafes do artigo.

-        Referencia normalizada do artigo, de acordo co seguinte exemplo:

Acuña Trabazo, A. (2016): “«Sempre e mais despois». No centenario do nacemento de Raimundo García Domínguez, Borobó”, Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 19, pp. 11-23.

4. Tabelas, mapas, gráficos e imaxes

Se os houber, deberán estar inseridos no lugar correspondente do texto. Os gráficos e tabelas deben ser editábeis (non se admiten capturas como obxecto). Para as imaxes deberá enviarse á redacción da revista os arquivos dixitais na mellor calidade posíbel (mínimo 150 ppp) e, de ser necesario, deberán contar cos correspondentes permisos oficiais de reprodución. Os pés de obxecto (imaxes, tabelas, gráficas etc.) deben estar correctamente identificados (ex. Tabela 1. Porcentaxe de edicións por década).

5. Convencións tipográficas:

-        A elisión de fragmentos na citación dun determinado texto sinálase por medio das parénteses con reticencias: (...). Os colchetes [...] resérvanse, na edición de textos, para as secuencias ilexíbeis.

-        O trazo medio (–) emprégase cando equivale ás parénteses, como inciso. A raia ou guión longo (—) resérvase para os fragmentos dialóxicos. Os trazos curtos só para as unións de palabras que precisaren del (ex. socio-económico).

-        Uso das aspas: en xeral só se admiten as aspas duplas altas (“ ”). As aspas angulares deben empregarse en segundo nivel (ex. “O mecenado de Fernán Pérez de Andrade «o boo»”) ou en contextos dialóxicos indirectos (ex. Ela dicía que era divertido ver «como bailaban os vellos»). As aspas simples deben reservarse para a indicación de significados (ex. o significado ‘de seu’ é un dos máis característicos do posesivo) ou para marcar conceptos moi concretos ou non estandarizados (ex. modalidade xenérica de ‘novelas da Guerra Civil’ ou ‘da memoria histórica’).

-        O itálico emprégase para palabras ou expresións destacadas ou doutra lingua e para títulos de libros e publicacións periódicas. A tipografía versaleta resérvase para os étimos (ex. factum > feito). Salvo en casos excepcionais, non se admite a tipografía grosa.

 

6. As citacións incluídas no artigo deben cumprir as seguintes pautas:

-        As citacións textuais irán enmarcadas dentro do corpo de traballo polas aspas duplas altas (“ ”), desde que non excedan as tres liñas. Ao final da citación debe aparecer, entre parénteses, a referencia bibliográfica, segundo este modelo: (Freixeiro Mato 2010: 90). Se o enunciado incluír o nome do autor/a ou autores/as, só aparecerá inmediatamente a seguir, entre parénteses, o ano de publicación e as páxinas: ex. De acordo con Freixeiro Mato (2010: 90)...

-        Se os extractos son superiores ás tres liñas, disporanse en parágrafo independente, en Times 10, sen aspas e sen itálico. Ao final da citación debe aparecer a referencia bibliográfica correspondente, segundo o modelo antes indicado: (Freixeiro Mato 2010: 90), e co punto final antes das parénteses. Este parágrafo independente debe estar enmarcado por unha liña en branco na parte superior e inferior.

-        Nas notas a rodapé que fornezan referencias bibliográficas aparecerá a información correspondente sen as parénteses: ex. A respecto desta cuestión véxanse os traballos de Ferreiro 1995: 76 e Mariño Paz 1998: 99.

 

7. Referencias bibliográficas

Ao final do artigo só deberá figurar a bibliografía citada no corpo do traballo de acordo co modelo descrito abaixo, encabezada pola lexenda “Referencias bibliográficas” (coa numeración correlativa). Todas as referencias deben incorporar a información bibliográfica completa: apelidos e nome por extenso, título (de libro ou do artigo e da monografía ou revista onde se encontra), ano de publicación, cidade, editorial; se for o caso, responsábeis de edición (eds., coords., orgs.), volume, páxinas etc.

-        Libro (autoría única ou compartida; como autor, director, coordinador...):

Ferreiro, Manuel; Carlos Paulo Martínez Pereiro e Laura Tato Fontaíña (eds.) (2008): A edición da poesía trobadoresca en Galiza. A Coruña: Baía. López Carreira, Anselmo (2005): O Reino medieval de Galicia. Contribución á súa historia política. Vigo: Promocións Culturais Galegas.

-        Obra publicada en anexos ou números especiais dunha publicación periódica:

López Viñas, Xoán (2015): Dicionario de afixos e voces afixadas do galego medieval. (Revista Galega de Filoloxía, Monografía 8). A Coruña: Universidade da Coruña.

-        Contributo en publicacións periódicas. O nome da revista debe aparecer sempre completo. Se a revista tamén ten edición electrónica debe incluírse a URL ou DOI correspondente:

Allegue Leira, Alberto e Carme Fernández Pérez- Sanjulián (2014): “Á volta do cosmopolitismo: unha lectura de Arredor de si como intervención”, Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 17, pp. 13-25 (https:// revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/ view/45734).

-        Contributo en monografía colectiva:

Eirín García, Leticia (2011): “A denominación senhor nas cantigas de amor de Don Denís”, en H. Rebelo (coord.), Lusofonia: tempo de reciprocidades. Actas do IX Congresso da Associação Internacional de Lusitanistas (Madeira, 4-9 agosto 2008). Porto: Afrontamento, vol. 1, pp. 79-87.

-        Contributo en soporte dixital accesíbel na internet:

Ferreira, Maria do Rosário (2012): “As traduções de castelhano para galego-português e as políticas da língua nos séculos XIII- -XIV”, e-Spania. Revue Interdisciplinaire d’études hispaniques médiévales et modernes 13 (http://e-spania.revues.org/21021).

-        Traballos inéditos:

Regueira Fernández, Xosé Luís (1989): A fala do norte da Terra Cha. Tese de doutoramento inédita. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

-        Traballos en xornais:

Trapero Pardo, Xosé (1931): “El problema regionalista”, La Voz de la Verdad (Lugo) 16/08/1931.

-        Corpus e outros recursos na internet (con indicación do día da consulta):

González González, Manuel (dir.) (2012): Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega, http://academia.gal/dicionario#inicio.do [consulta: 21/02/2014].

TMILG = Xavier Varela Barreiro (dir.): Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela / Instituto da Lingua Galega, http://ilg.usc.es/ tmilg [consulta: 15/05/2014].

-        Outras especificacións:

  • Se hai máis dun traballo por autor ou autora, a partir da segunda referencia poranse tres raias (———) en substitución dos seus apelidos e nome.
  • Se un autor publicou nun mesmo ano varios traballos, estes deben distinguirse con letras minúsculas en orde alfabética a carón do ano de publicación (ex. 2009a, 2009b, etc.); esta  distinción debe ter correspondencia no corpo do artigo.
  • Para os artigos que aínda non saíron publicados, débese incluír a mención “no prelo” (esp. “en prensa”) tras o ano en que foi entregado o traballo: ex. Moure, Fátima (2015, no prelo).
  • Se unha obra está editada por máis dunha editorial, as diferentes editoriais separaranse mediante barra, con espazo anterior e posterior, o mesmo que, no seu caso, os correspondentes lugares de publicación (ex. Madrid / Santiago de Compostela: Universidad Complutense / Xunta de Galicia).
  • Para obras con diferentes edicións, se houber interese en citar tanto a primeira edición como a que se está a empregar, usarase o seguinte modelo: Fernández Rei, Francisco (19912 [1990]).
  • Caso de indicar a colección na que se publica un traballo, esta aparecerá entre parénteses após a editorial: A Coruña: Barrié de la Maza (Col. Biblioteca filolóxica galega).

8. Notas e Crónica

Na sección de Notas admítense artigos de investigación de extensión breve (máx. 10-15 pp.) relacionados coas distintas disciplinas humanísticas e que sexan de interese para o ámbito galego. Estes artigos, tanto na súa forma, como no seu contido, poden ser de carácter máis divulgativo, aínda que procedan igualmente dun labor académico-científico de investigación. Na sección de Crónica admítense artigos de extensión breve (máx. 10 pp.), de carácter documental e testemuñal, nos que se presentan e describen diferentes aspectos académico-científicos relacionados coa lingua, literatura e cultura galegas.

10. Entrevista

As propostas serán encargadas polos membros do Consello de Redacción da revista. Procurarase escoller persoeiros relevantes para a cultura galega alternando un ano autores/as que vivan en Galiza e outro fóra dela, preferentemente radicados en Madrid.

 

11. Creación (Lírica, Narrativa e Teatro)

Esta sección admite obras preferentemente orixinais, de carácter lírico, narrativo ou teatral, escritas en lingua galega cunha extensión non superior a 5 páxinas. Deberase indicar o nome e apelidos (ou se for o caso, nome artístico, pseudónimo etc.) co que o autor/a quixer figurar na revista.

12. Tradución

Colaboracións de extensión breve (máx. 3-5 pp.) nas que se ofrece unha tradución á lingua galega dun determinado fragmento literario (poético, narrativo ou teatral), acompañado dunha breve información de carácter bio-bibliográfico sobre o autor/a traducido en cuestión.

13. Recensións

Colaboracións de extensión breve (máx. 5 pp.) nas que se analiza criticamente unha obra (ensaio académico-científico ou texto literario) de referencia para os estudos galegos. A recensión debe ir introducida pola referencia bibliográfica da obra en cuestión (incluído o número de páxinas), según o seguinte modelo:

Galanes Santos, Iolanda; Ana Luna Alonso, Silvia Montero Küpper e Áurea Fernández Rodríguez (2016) (eds.): La traducción literaria: nuevas investigaciones. Granada: Editorial Comares, 352 pp.

Ao final da recensión debe incluírse o nome e apelidos do/a recensionista, a súa filiación académica ou institucional e o enderezo electrónico (institucional, a poder ser).

14. Proceso editorial

Os traballos enviaranse preferibelmente por correo electrónico á secretaría da revista (madrygal.secretaria@ucm.es). O prazo anual de admisión de propostas ábrese en setembro e finaliza en marzo. Os traballos recibidos na redacción da revista serán revisados previamente por un membro do Consello de Redacción, co obxectivo de determinar se o traballo cumpre os requisitos mínimos de calidade para a súa avaliación e eventual publicación. Determinarase se o traballo encaixa temática e formalmente nalgunha das seccións da revista, e se cumpre as normas de publicación e os requirimentos para o envío. Se o traballo non cumpre os requisitos mínimos para a súa publicación, o Consello de Redacción enviará ao autor/a unha comunicación razoada do rexeitamento.

Os traballos que cumpran os requisitos mínimos indicados serán remitidos de forma anónima –e unha vez eliminados os elementos e referencias identificativos do autor/a no corpo do texto– a dous expertos que deberán emitir un relatorio sobre a conveniencia ou non da súa publicación. A revista Madrygal cumpre desde 2012 cos requisitos de revisión por pares (o Consello de Redacción da revista selecciona os avaliadores/as externos/as que, pola súa traxectoria investigadora, xulgue idóneos/as para avaliar o contido do traballo presentado) e o sistema de duplo anonimato (o nome dos avaliadores/as non se desvela aos autores/as do traballo e viceversa no proceso de edición). Para que o artigo sexa publicado, os dous informes de avaliación externa deberán ser positivos. Se un deles non recomenda a publicación do traballo, este remitirase a un terceiro informante, cuxo ditame será definitivo. Os traballos das seccións Creación, Tradución, Crónica e Recensións serán avaliados de forma anónima por dous membros do Comité de Redacción, seleccionados en función da afinidade temática co contido do traballo en cuestión.

O Comité de Redacción comunicará mediante correo electrónico a aceptación (definitiva ou condicionada) ou o rexeitamento das colaboracións. A comunicación realizarase mediante un informe razoado elaborado polo Comité de Redacción a partir dos relatorios entregados polos avaliadores/as externos/as. Se o traballo saír provisoriamente aceptado, o Comité de Redacción deberá incluír no seu informe unha listaxe coas suxestións dos avaliadores/as e coas súas propias recomendacións. Entre estas incluiranse, se for preciso, indicacións relativas ao estilo, redacción, corrección gramatical e presentación da información, así como a listaxe de incumprimentos das normas de publicación.

O autor/a deberá realizar no prazo esixido as oportunas modificacións ou, no seu caso, as alegacións ás mudanzas solicitadas. O novo traballo deberá ser enviado á secretaría da revista por correo electrónico, destacando as mudanzas incorporadas. Se for necesario, o autor/a deberá enviar un documento no que vincule as modificacións realizadas no traballo cos cambios solicitados polos revisores/as ou o Comité de Redacción, e no que se inclúan as alegacións que considere pertinentes. O Comité de Redacción deberá acordar a aceptación ou o rexeitamento definitivo do artigo. De maneira puntual, poderá remitir o traballo modificado aos avaliadores/as para que estes informen sobre a adecuación das mudanzas realizadas con respecto ás solicitadas polos revisores/as. Así mesmo, poderán enviarse as alegacións presentadas polo autor/a para que os avaliadores/as xustifiquen positiva ou negativamente a súa pertinencia. No prazo de tempo máis breve posíbel enviarase a notificación da aceptación ou do rexeitamento definitivo por parte do Consello de Redacción.

Tanto no caso da aceptación provisoria como definitiva, enviaráselles aos autores/as un certificado electrónico acreditativo de tal situación. Os autores/as que publiquen os seus traballos terán dereito a un exemplar da revista en papel e serán convenientemente informados do lanzamento da versión on-line do número da revista no portal de revistas científicas da UCM. Así mesmo, enviaráselles a separata electrónica do seu contributo.



[1] Especialmente para os descritores máis xenéricos, recomendamos o emprego de vocabularios de indización normalizados como o Thesaurus da Unesco (http://databases.unesco.org/thesaurus) ou o Vocindario ISOC para Humanidades e Patrimonio cultural (http://www.investigacion.cchs.csic.es/isoc/es/node/25).

Política de Privacidade

Protección de datos: Os datos personais recollidos serán incorporados e tratados no ficheiro "Servizo de Publicacións" cuxa finalidade é a divulgación e/ou venda das publicacións da UCM / Facturación e envío de publicacións. Non se prevén cesións de datos, salvo os estabelecidos na Lei. O órgano responsábel do ficheiro é o Vicerreitorado de Extensión Universitaria, Cultura e Deporte e o enderezo onde o interesado/a poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante el é o Archivo General y Protección de Datos, en Avda. Séneca, 2, 28040 - MADRID, de todo o cal se informa en cumprimento do artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.

A revista Madrygal. Revista de Estudios Gallegos non cobra taxas por envío de traballos, nin tampouco cuotas pola publicación dos seus artigos.